sábado, 5 de febrero de 2011

RUTA CIRCULAR CASTRO DE ABAIXO - A CUBELA - TORBEO - CASTRO DE ABAIXO


INFORMACIÓN TÉCNICA:
ACCESOS:  N-120, entre Monforte e Quiroga. Pasando o desvío de Augasmestas, coller a primeira saída dirección Castro de Abaixo (despois do viaducto a man dereita).
LONXITUDE: 15 km
PUNTO DE PARTIDA / CHEGADA: Castro de Abaixo (ruta circular).
PERCORRIDO: Castro de Abaixo, A Cubela, Torbeo, San Lourenzo, Moreiras de Abaixo, Souto (aldea abandoada), Castro de Abaixo.
DIFICULTADE: media.
DURACIÓN: 4 horas

IMOS ANDAR...


Barutxo, Xosé Manuel e Marga iniciabamos a ruta nunha invernal mañá  de domingo. No inicio a brétema foi a nosa compañeira de viaxe, e convidábanos á nostalxia e ao recollemento. Unha paisaxe máxica, camiñando a carón do río Sil, permetíanos apreciar a Riberia Sacra en todo o seu esplendor. Esa Ribeira tan coñecida polos seus viños e pola súa orografía, que dá lugar á coñecida como "viticultura heroica", tan enxebre e característica da zona.

Nesta primeira fase a ruta transcorre, como xa comentamos, pola beira do río Sil. Un sendeiro frondoso, rico en vexetación autóctona e caudalosos regatos, permítenos achegarnos paseniñamente á aldea da Cubela.
Neste tramo do traxecto resulta de interés a "Pena Tallada", onde pode apreciarse como a man do home abriu camiño entre as rochas para o paso de gando e carruaxes, e unha suposta bifurcación do río (á nosa dereita), que resulta ser a desembocadura do Lor no Sil.


... E chegamos á Cubela, unha aldea moi fermosa, totalmente restaurada pero deserta, cunha apariencia certamente fantasmagórica. Dicimos isto porque despois de ser restaurada non vive case ninguén nela de forma permanente. De feito, nós só atopamos xente nunha das casas, e estaban a pasar a fin de semana. Despois dun percorrido visual polas rúas desta aldea decidimos facer un alto no camiño para recuperar forzas. Alí mesmo, nun rústico escano de madeira, demos boa conta do almorzo.

Co bandullo cheo, empezamos a subida cara  Torbeo, gozando dunhas marabillosas vistas da Cubela e o seu característico meandro, unha auténtica pasada!! ... cantas fotos fixemos!!
A subida foi dura, pero as vistas recompenaban o esforzo. Pouco a pouco foi cambiando a paisaxe, pasamos de camiñar entre piñeiros e monte baixo a atravesar espectaculares soutos. E na cima esperábanos Torbeo, vila esplendorosa en tempos, coa súa igrexa románica do s. XII e XIII e a Sabia Filomena, máis coñecida como a Meiga de Torbeo. Alí paramos na típica cantina ultramarinos de aldea de toda a vida, na que podes tomar un viño, botar catro contos e enterarte das últimas novas da parroquia e parroquian@s.



Xa quedaba menos, faltábanos a baixada cara Castro de Abaixo. O tramo transcorre por unha corredoira que nos leva a pasar por San Lourenzo, Moreiras e algunha que outra aldea abandoada. Paga a pena tamén disfrutar da paisaxe, pois pódese ver de fondo o val de Quiroga. Se a ruta se fai en época invernal cómpre levar calzado axeitado, xa que en diversos tramos a auga descorre polo propio camiño.

Nesta recta final do percorrido atravesamos de novo soutos de gran beleza, que en tempos deberon de ser fonte de gran riqueza.

E así fomos chegando a Castro de Abaixo, pero non sen antes atoparnos cunha paisana que pastoreaba as ovellas mentres tecía uns calcetíns. Fíxonos graza o seu retranqueiro comentario: "xa vides da andola?". Unha gran frase para rematar unha fermosa xornada de sendeirismo.

Marga & Xosé Manuel

3 comentarios:

  1. Hai moito "Quechua live" por aí...

    ResponderEliminar
  2. Eu teño feito o camiño de Torbeo a San Clodio por Souto e o Castro de Abaixo varias veces pero nos anos sesenta, cando ainda non tiñamos outro camiño...e aquelo era outra cousa, en abril baixei cunha pequena moto hasta abaixo e deume moita pena ver todo abandonado...no castañal aquelo aquelo parecia unha feira...Gracias por difundir a ruta e os encantos de Torbeo. (Antonio Rodriguez, Torbeo.com)

    ResponderEliminar