viernes, 25 de noviembre de 2011

PENÍNSULA DO BARZANZA

Un domingo na península do Barbanza, domingo soleado de outono no que uns amig@s de Boiro se ofreceron xenerosamente a ensinarnos lugares de interés pola zona. En pouca distancia de quilómetros disfrutamos de varias visitas interesantes:

-DOLMEN DE AXEITOS

Dolmen de Axeitos
Dolmen en bretón significa pedra grande. É unha construción megalítica consistente polo xeral en varias laxes (ortostatos) fincadas na terra en posición vertical e unha louxa enriba apoiada nelas en posición horizontal. O conxunto conforma unha cámara que na súa orixe estaba rodeado de pedras e terra que o cubrían formando un túmulo (outeiro artificial) distinguible como marca funeraria.
Pois ben, o dolmen de Axeitos é un dos máis antigos, máis grandes e mellor conservados de Galicia. Segundo reza no cartel da entrada, no que tamén se lle coñece como "a pedra do mouro", a súa orixe remóntase entre o 4.000 e o 3.600 A.C. Está situado no lugar de Axeitos, entre A Pobra do Caramiñal e Ribeira. O conxunto está dentro dun recinto pechado con chantas e dispón dunha pequena área recreativa.

-MIRADOIRO DA CUROTIÑA E DA CUROTA

Un lugar privilexiado. Un outeiro moi próximo á Pobra do Caramiñal (lugar onde naceu Valle-Inclán) no que atopamos dous miradoiros. O primeiro coñecido como "A Curotiña" ou de "Valle-Inclán" (segundo o cartel que alí se atopa). Dende aquí temos unha panorámica espectacular, en primeira liña A Pobra do Caramiñal pero a golpe de ollo temos tamén para o norte Palmeira e Ribeira e para o sur Boiro, Rianxo e Vilagarcía de Arousa. Ascendemos ata o cume e alí temos o miradoiro coñecido como "A Curota". Visibilidade de 360º, e nun día totalmente despexado podemos ver todo o litoral ata o Monte de Santa Tegra na Garda polo sur e a costa do Son para o norte. Podemos distinguir perfectamente a Illa de Arousa, a península do Grove, as Illas Atlánticas (Sálvora, Ons e Cies) e Vigo. No ascenso podemos aprezar a flora característica e animais soltos. No cume hai tamén un restaurante.

-AS DUNAS DE CORRUBEDO

Duna de Corrubedo
Están encravadas no Parque Natural de Corrubedo, espazo natural protexido. O elemento máis salientable na súa paisaxe é a gran duna móbil, froito da acción combinada do mar e do vento. Impresiona pero non tanto como antigamente cando chegou a ter a altura da Catedral de Santiago. Ao non estar vexetada, os ventos do sudoeste predominantes no inverno fan que se mova uns centímetros cada ano cara o interior. Non se pode pisar na area para chegar ata o mar e hai que acceder por un sendeiro sinalizado. Aínda así aprézase que a xente continúa atravesando polo medio dela polas pasadas que deixan (xusto por onde está o letreiro que o prohibe. Manda carallo!!). O parque conta cunha lagoa dóce e outra salgada. A paisaxe complétase cunha longa cadea de dunas marismas, extensas chairas, piñeirais e terras de labor.

-PRAIA DE XUÑO
Estatua de Ramón Sampedro
Situada na localidade de Xuño, de onde era o mítico Ramón Sampedro, aquel eivado galego que tanto loitou polo dereito á morte, historia que se levou ao cinema con Amenábar e Bardem: "Mar adentro".

Pois ben, na praia puxeron unha estatua na súa honra e sinalizaron o lugar onde Ramón se tirou ao mar. Unha poza natural que se enche de auga cos golpes de mar.
Curiosa a sensación de estar alí coñecendo a historia e despois de ter visto a película.

Placa do lugar dende onde se tirou
E ata aquí o que poidemos ver. Xa se sabe que no outono os días son máis curtos de luz e sempre que se visita algún lugar cómpre deixar algo por ver para ter a excusa de voltar. Moi aconsellable a península do Barbanza. Para chegar podedes vir polo norte, dende Santiago ata Noia e despois cara Porto do Son (AC-550) ou polo sur dende Padrón pola Autovía do Barbanza (AG-11). Non ten perda!!


3 comentarios: