viernes, 7 de septiembre de 2018

O MECO E AS PAMPÓRNIGAS (A ERMIDA / QUIROGA)

As festas da parroquia da Ermida son do 7 ao 9 de setembro, sendo de gran interese etnográfico e turístico a Romaría dos Remedios que ten lugar cada ano os días 8 e 9 caia nos días que caia da semana. Ás 13:00 h. comeza a tradicional procesión na honra á Virxe dos Remedios polas rúas da Ermida, encabezada polo Meco e as Pampórnigas e acompañada por gaiteiros do lugar. O Meco é unha figura que disque representa ao Demo e as Pampórnigas son dous xigantes, non cabezudos, que representan a un home e a unha muller.
As Pampórnigas / Foro: Amparo Montenegro









Amparo Montenegro, veciña da Ermida e presidenta da Asociación Rural Souto do Val, comenta que a entidade traballa pola recuperación da historia, cultura e tradicións do lugar e en particular da ancestral Danza do Meco e as Pampórnigas. Danza que interpretan estas figuras acompañando á procesión ata que entra a Virxe dos Remedios na Igrexa.

Segundo conta tamén, no outeiro onde hoxe está a Igrexa, edificio relixioso que data do século XVII e lugar onde remata a procesión, antigamente houbo un castro e posteriormente un templo relixioso que quizais fose anterior ao século V. Seica foi xusto neste lugar onde un veciño atopou a imaxe actual da Virxe dos Remedios, entre as ruínas do devandito templo, e por ese motivo as autoridades eclesiásticas da época decidiron erguer a actual igrexa e facer cada ano a procesión na súa honra.

Ao rematar a procesión e a misa, e como se trata dunha romaría, os asistentes quedan no campo da festa a xantar e despois xa á festa. Antigamente viñan en carros ou como podían, traían a comida para o xantar e xuntábanse por familias ou por amizades para continuar a xornada festiva pola noite co baile. Actualmente mantense esa tradición coa construción provisional de casetas ou pendellos e xuntándose por familias ou por calquera outro vínculo ou afinidade para comer de campo, confraternizar e festexar.

A FIGURA DO MECO

O Meco disque representa o Demo. Vai todo vestido de vermello, leva unha máscara de madeira (moura, con barba e un nariz moi afiado), un complemento de tea e recheo que lle cubre cabeza e caluga (coñecido como “molida”) e unha vasoira de toxos e unhas castañolas na man para advertir da súa presenza.

O Meco no adro da Igrexa da Ermida
Amparo afirma que a máscara máis antiga do Meco data do século XVII e que a través da asociación foi restaurada no ano 2010.
Como xa comentei, a súa función é abrir camiño á procesión ata a chegada da Virxe dos Remedios á Igrexa da Ermida. Xa alí, queda fóra e segundo a hipótese máis seguida, tamén ten o cometido de distraer aos fregueses para que non asistan ao acto relixioso. Acabada a procesión, os romeiros chegan á igrexa e entran para prestar atención á misa, pois ben, nese momento o Meco queda no adro entretendo e distraendo aos que poida e se deixen para que non participen na homilía. Todo apunta a que poda tratarse dun rito pagano que actualmente convive co relixioso. pero hai tamén discrepancias nesta interpretación.
O Meco collendo moedas que lle tira a xente

En calquera caso, o Meco entretén á xente que queda no adro e os asistentes participan dunha sorte de xogo no que lle tiran moedas ao chan para que se agoche a collelas e aproveitar este intre para vacilalo e pegarlle losqueadas na caluga. O Meco leva unha “molida” para amortecer os golpes e deféndese como pode co pau de toxos contra aqueles que se queren mofar del.

Esta figura vén sendo representada sempre por un home e da mesma familia desde que se coñece, pasando logo de xeración en xeración. Amparo comenta que este tema está creando debate e xa se fala da posibilidade de que faga de Meco calquera outra persoa, e que poida ser home ou muller.

No hay comentarios:

Publicar un comentario