jueves, 28 de julio de 2011

CAMIÑADA ANGUIEIROS-VILANUIDE-COVALLOS-ANGUIEIROS (Guía)

A saída da camiñada foi no "portaleiro" (entrada dos Anguieiros). Alí nos reunimos entre 40 e 50 persoas. Xente de Anguieiros pero tamén de aldeas veciñas como Sesmil, Enciñeira ou Montefurado e localidades como Monforte, A Rúa, O Barco e mesmo Lugo. Pepe, un arqueólogo afeccionado, fíxonos de guía ao longo do camiño.

Atravesamos todo Anguieiros ata case o final da aldea, onde está a capela. O noso camiño comezaba realmente aquí, no lugar coñecido como "Tras da Eirexa". Seguidamente atravesamos un souto coñecido como "O Tumbeiro" que dá paso "A Curiza" e a outras zonas denominadas "O Couso" e "O Real" xa máis expostas ao sol e con vexetación máis baixa: xestas (Genista scoparia L.), carrascos (Quercus rotundifolius L.), uces (xénero Erica), xaras (Cistus ladanifer) e outros matorrais. Neste traxecto, o amigo Pepe, ensinounos a ubicación dun antigo castro e o lugar por onde pasaba a canalización de auga que tiñan para facela chegar dende o arroio. "O Arroio" é un lugar sombrío e de difícil paso en tempos de inverno e primavera pola baixada de auga da montaña, e lugar tamén onde ían en tempos lavar as tripas nas matanzas os veciños de Anguieiros.

Atravesando o arroio ascendemos ata o "Alto da Cabrita" onde as vistas son privilexiadas. Alí Pepe explicounos o pasado de Vilanuide como explotación aurífera en tempos dos romanos. Da outra ladeira, mirando para Anguieiros, de fondo poidemos ver unha panorámica de todo o val. Alí mesmo collemos o camiño que baixa atravesando unha ladeira de viñedos, coñecida como "Os Cabaleiros" e "O Rouso", que vai dar á coñecida como "Veiga do Couso".

Vista dende o Alto da Cabrita
Pola Veiga do Couso pasaba a canle (cauce) do río Sil anteriormente á época dos romanos. E despois do desvío artificial que estes fixeron coa Boca do Monte a devandita canle quedaría seca, constituíndo unha terra moi fértil creadora de grandes hortas e diferentes cultivos que convertiron Anguieiros na aldea máis rica da zona (así nolo relataron veciños de Anguieiros). Estas terras estaban constituídas por lodos do río, lodos tremendamente vizosos e limpos que non contiñan pedras, e nas augas que quedaban collíanse anguías a moreas (de aquí o topónimo que dá nome a aldea). Pero no 1934, unha gran enchenta do Sil provocou un derrubamento da montaña que atrancou parte da Boca do Monte e fixo que parte do seu caudal de auga volvese pola antiga canle anegando estas terras, outrora tan fértiles. Como din os vellos do lugar "o río levou a Veiga e foi unha gran pobreza para o pobo".

Na Veiga do Couso atopamos agora pequenas charcas e unha vexetación máis propia de ribeira como salgueiros (Salix atrocinerea L.) e amieiros (Alnus glutinosa L.). Tamén hai algunha especie acuática como a ánade real (Anas platyrhynchos L.).

Charca na Veiga do Couso
No noso paso polo camiño ascendente do "Teso" (pequeno monte comunal dos Anguieiros), nun terreo moi pizarroso, xa albiscamos máis preto a aldea de Montefurado, capital da parroquia. O topónimo de Montefurado vén pola presenza do túnel escavado polos romanos no monte para desviar a canle do río Sil e aproveitar a auga para lavar o ouro que había no interior do monte. Pepe ilustrounos sobre a pegada dos romanos nesta paraxe e de como estes sacaron ouro entre os sedimentos da montaña que quedaban tamén na antiga canle do río. Segundo el, outra hipótese da finalidade da construción do furado puido ser desviar o río para facer un paso de doado acceso sobre o Sil nunha zona de alto interés económico evitando ter que construír unha ponte. Segundo o seu parecer, a construción do túnel non foi tan complexa como se pensa.

Tras chegar á "Portaliña" (ladeira da montaña xa encarada a Anguieiros), poidemos ver unha paisaxe máis chea de viñas e oliveiras (Olea Europea L.). En fronte tiñamos xa as aldeas dos Covallos (coñecida tamén como "Poblado", poblado de Iberduero onde viviron traballadores desta empresa titular do encoro de Montefurado) e dos Anguieiros na parte media da montaña. 

Vista dende o alto do monte
No alto da Boca do Monte hai constancia da existencia dun Castelo ou torre, e segundo Pepe antes debeu haber un castro pola ubicación e algún vestixio atopado. Segundo información achegada polo estudoso da zona, Alberto Sánchez, hai certeza de que houbo un castelo na cima da montaña (Boca do Monte) coñecida daquela como "Pena do Corvo".

Montefurado e "Alto do Corvo"
Visto o lugar coñecido entre os veciños de Anguieiros como "O Castillo", descendemos pola estrada pavimentada camiño dos Covallos e achegámonos a ver a "Boca do Monte" dende o outro lado da montaña. Aquí apreciamos como se derrubou no 1934 parte do teito do túnel que, sendo duns 120 metros de longo, pasou a ter tan só uns 50 metros. Isto, como xa dixemos, tivo unha gran trascendencia negativa para a zona xa que asolagou todas as terras fértiles da Veiga.
Todo apunta a que comezaron as obras de retirada do entullo (desescombro) en marzo de 1935 pero un forte temporal de auga fixo moi perigosa a tarefa, polo que ata maio non se comezou o traballo. Pero estalou a guerra e o río non volveu circular pola boca ata ben entrado o 1941.


A Boca do Monte
Tras esta pausa diante do monumental paraxe (imaxe superior, xentileza de Logio), retomamos a estrada asfaltada cara o poboado dos Covallos cruzando a ponte con barandas de ferro que hai para salvar unha charca que queda na antiga canle do río Sil. Os Covallos, como dixen antes, é un poboado que foi construído por Iberduero no seu día para ofrecer vivendas aos traballadores do encoro de Montefurado. Cómpre dicir que se edificou en terras dos Anguieiros, a quen llas mercaron no seu día para tal fin. Contan que daquela había soutos e terras de labranza.

Despois de ver os Covallos ascendemos ata Anguieiros polo coñecido como "Camiño Real" (un pequeno tramo está asfaltado pois forma parte da actual pista pola que se accede en coche ás aldeas do lugar). No percorrido atopamos concheiros, oliveiras e terras de labranza que se regaban coa auga da fonte de Anguieiros, lugar onde rematamos a camiñada.


Organizou: Asociación Sociocultural Boca do Monte
Colaboraron: Pepe (José Fdez Pérez) e Alberto Sánchez

2 comentarios: