Mostrando entradas con la etiqueta Rutas. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Rutas. Mostrar todas las entradas

jueves, 3 de mayo de 2018

XI RUTA DOS FORNOS DE CELAVENTE

Máis de cincocentas persoas participaron o sábado 28 de abril nesta romaría na que se percorren fornos restaurados e se degustan diferentes produtos típicos da zona.


Entrada e xarra. Foto: Rinardy
Éxito de participación nesta orixinal andaina etnográfico-gastronómica que organiza a Asociación Centro deAnimación Rural de Celavente dende hai once anos. Esta parroquia do concello do Bolo, que chegou a ter uns oitocentos habitantes, hoxe non chega aos cen; unha realidade que sangra o rural galego e que tan difícil solución ten. Con este panorama, a Ruta dos Fornos recupera por un día a vida dos barrios de Celavente, fai fumegar seis fornos que eran de uso comunitario e enche de xente os camiños que van dun ao outro.

Participantes esperando antes de iniciar a ruta
O evento comezou ás 13.00 h. no punto de partida coa entrega aos participantes, previo pago de catorce euros, da súa respectiva xarra conmemorativa e a entrada para poder facer a ruta. A continuación, saúdo de Jorge, un dos organizadores do evento, e pregón do poeta Juan Corzo, que aproveitou para falar das labores do campo. Rematado o protocolo inicial comezou xa a camiñada cun percorrido circular de 4,6 quilómetros que une seis fornos restaurados, outras tantas fontes típicas do rural e unha adega que antes foi sequeiro de castañas.

Jorge Isla e Juan Corzo
Camiñando cara o primeiro forno
Camiñantes facendo un selfie
Os fornos que se abriron, e nos que xente da organización esperaba aos camiñantes con diferentes pinchos da zona son, por orde de aparición, foron os seguintes: Forno do Viduedo, Forno dos Hortos, Forno de Outeiro, Adega A Capilla, Forno do Fondo, Forno do Campo e Forno do Cima. Para repoñer forzas en cada un deles, atopamos: chourizos asados, orella de porco, lacón cocido, crema de castañas, xamón asado, torta de roxóns e roscón. Por suposto o pan non podía faltar e tampouco o viño e os licores. 

FORNO DO VIDUEDO

FORNO DOS HORTOS

FORNO DE OUTEIRO

ADEGA DA CAPILLA 



FORNO DO FONDO


FONTE DO VIDUEDO

FONTE DOS HORTOS DE ABAIXO
Para amenizar o percorrido estiveron a Charanga Compostela e o grupo de cantos de taberna Ouruxobruxo da Rúa. Nos últimos fornos, o do Campo e o do Cima a Discomóvil Danzalia montou a festa de benvida aos camiñantes. Moi bo ambiente, bar da organización para tomar "a penúltima" e a xente pasándoo en grande.


Charanga Compostela 

Ouruxobruxo da Rúa

Chegada aos Fornos do Campo e do Cima

Grupo de amig@s. Foro: Montse

LONGA VIDA Á RUTA DOS FORNOS DE CELAVENTE!!

O viño deixoulle marca a algúns... Foto: Rinardy
Foto curiosa da xarra conmemorativa do evento



domingo, 3 de septiembre de 2017

RUTAS DOADAS PARA PRINCIPIANTES

A Voz de Galicia publicaba hai poucos días un artigo no que recomendaba roteiros para sendeiristas non abezados. Rutas para aqueles que se inicien nas andainas ou para amantes do sendeirismo que xa non poden afrontar camiñadas de dificultade alta.

Aquí a ligazón para coñecelas:

lunes, 12 de junio de 2017

SENDEIRISMO NA RIBEIRA SACRA PARA 1 DE XULLO












Ruta de sendeirismo PROGRAMADA PARA O 1 DE XULLO dende Finca Míllara (Pantón) ata a Plaia Fluvial d'A Cova (O Saviñao). Percorrido interesante para coñecer a Ribeira do Río Miño e enxergar a maxia da súa paisaxe, historia, cultura, patrimonio...

-09:15: Punto de Encontro: Explanada dos Escolapios (Monforte de Lemos)
-09:45: Andaina de 9,5 km (aprox.), dificultade media.
-14:00: Almorzo no Restaurante Plaia Fluvial d'A Cova.
-17:00: Visita á Bodega Abadía da Cova.
-18:30: Tempo libre e posibilidade de activiades fluviaisna praia d'A Cova.
-20:00: Fin de ruta.


NOTA: 
-A RUTA INCLÚE: seguro, transporte, almorzo, bodega, guía oficial e picnic.
-AS ACTIVIDAES FLUVIAIS non van incluídas no prezo.
Mínimo de persoas para a realización da ruta: 12
Máximo de persoas para a realización da ruta: 20


RESERVAS: 636008092 // EMAIL: eiriz100@turisana.es 

Ata o 29 de xuño para apuntarse!! 

Prezo por persoa: 48€  // 
*Posibilidade de alugueiro de "portabebés" (6€ cada un)

viernes, 30 de septiembre de 2016

RUTA SOLIDARIA POLO COUREL

O Club de Montaña Formigueiros convida a soci@s e público en xeral a realizar unha ruta pola Serra do Courel para o vindeiro 6 de novembro, camiñada que terá fins solidarios. Trátase de colaborar coa asociación sen ánimo de lucro Sonrisas Pelonas, asociación de axuda a familias e nen@s afectados polo cancro infantil.

A idea da ruta é que poda ser apta para todo o mundo que estea acostuado a camiñar e que poda ser feita tamén por nen@s. Neste caso os cativos deberán ir acompañad@s sempre dun adulto que se faga responsable.

A ruta solidaria "Sonrisas Pelonas" discorre polo camiño tradicional que vai de Seoane a ferreira Nova, a partir deste punto hai que coller a ruta que leva a Mercurín e ao Castro de Bríopara visitar o Val das Mouras. Dende este punto baixarase á Ferrería Vella para enlazar co Camiño Real e volver á Ferreira Nova ata chegar polo mesmo camiño do inicio a Seoane.

Aquí toda a información.

jueves, 2 de junio de 2016

RECOMENDACIÓN. ROTEIRO POLA RIBEIRA SACRA





Ola, amig@s, 
Vai rematando a primavera e achégase o verán, de xeito que vou recomendarvos un dos roteiros de sendeirismo máis espectacular da Ribeira Sacra que foi a condicionado grazas ao traballo da Asociación Veciñal do Saviñao. Trátase da Ruta de Sendeirismo da Ribeira Sacra do Miño (PR-G 162) e transcorre dende Santo Estevo de Ribas de Miño ata Cima de Atán. É unha ruta de longo percorrido, nada máis e nada menos que 36 quilómetros e un percorrido que nos leva a carón do Miño polos Concellos de O Saviñao e Pantón. Ideal para facer en etapas (divídese en 4) para aqueles que non estean tan preparados e/ou para aqueles que queiran ir a un ritmo máis calmo e gozar das maravillosas paisaxes.

A información completa tédela na web da Asociación Veciñal do Saviñao. Premer AQUÍ.


viernes, 24 de octubre de 2014

CAMIÑADA POLO CAUREL

ORGANIZA: ASOC. FONTE DO MILAGRO (FROXÁN / O CAUREL)
RUTA: A Barrosa-A Golada-A Barrosa (11,5 Km)
DIFICULTADE: Media-Baixa / 3,5 h. aprox.
SAÍDA: 9.45 h. a 1 Km de Froxán
Caldo e Magosto !! 
Máis info (premer)

jueves, 28 de agosto de 2014

RUTA de SENDEIRISMO polo CAUREL (13 setembro)

Ruta: SECEDA – BALDOMIR
Percorrido: 10 Kms. Aprox.
Duración Prevista: 3 Horas
Dificultade: Media
Lugar de reunión: A Ponte de Baldomir
Hora: 10:00
Hora prevista inicio da Ruta: 11:00


O desprazamento dende Baldomir ata Seceda será en autobús para as persoas que o desexen, para iso é necesario facer reserva antes das 20 horas do día 11 de setembro.
As prazas no autobús reservaranse por rigurosa orde de inscrición. 
PRAZAS LIMITADAS !!

Rematada a ruta haberá un xantar en Baldomir, quen desexe participar deberá facer a correspondente reserva antes das 20 horas do día 11 de setembro.

O prezo do xantar + autobús é de 10 €uros para Socios da Asociación FONTE do MILAGRO e 12 € para non Socios
Autobús: 4 €uros Socios – 5 €uros non Socios
Xantar: 6 €uros Socios – 8 €uros non Socios

DESCRICIÓN DA RUTA
O punto de inicio da ruta será na estrada que leva dende Seceda ata O Incio á saída da aldea en dirección Incio á beira da Casa de Turismo Rural. Dende aquí descendemos polo vello camiño que discorre entre un souto de castiñeiros centenarios, logo de pouco máis duns quilómetros chegamos a un recodo da estrada e seguimos descendendo por ela uns 400 metros ata chegar a un camiño que parte á nosa esquerda nunha sinalada pendente duns 30 metros e de novo adentrámonos no souto uns metros e xiramos á dereita en dirección ó regato ata a Ponte Das Carballeiras, recentemente recuperada por membros da Asociación. Cruzamos o regato e seguimos pola marxe esquerda do río entrando na Carballeira de Lousadela, segue o sendeiro, albiscamos os restos da que foi vivenda e ferrería de Lousadela na marxe dereita do Río Loúzara. O sendeiro lévanos ata atopar o vello camiño que serviu de vía de comunicación entre os pobos de Cortes, Seceda e Lousadela coa capitalidade do Concello e outras aldeas do Courel Baixo. Discorre o sendeiro pola marxe esquerda do Loúzara en paralelo a este, pasamos por lugares para o recordo como "o Campón", Ponte das Augas Rubias, recuperada recentemente, e o Seixo Branco ata chegarmos ó camiño e ruta de O Touzón a Sobredo, descende o camiño ata chegar á Ponte de Sudrios pola que se cruza o Loúzara e logo dun curto ascenso chegamos á aldea de O Touzón, dende aquí continúa a ruta pola pista que leva a Baldomir. 

Para Información e inscrición: acandea@mundo-r.com 
Tfnos: 619 025 252 – 629 412 111

A RUTA PODERÍA SER SUSPENDIDA OU APRAZADA SE AS CONDICIÓNS METEREOLÓXICAS FORAN ADVERSAS.

jueves, 31 de julio de 2014

RUTA de BARRANQUISMO no COUREL

O Concello do Courel puxo en marcha un proxecto para crear unha ruta de barranquismo de gran atractivo, segundo informa a edición da Voz de Galicia Lemos.
Un dos atractivos será crear o percorrido para barranquistas atrevidos no curso da espectacular fervenza "Campo do Seixo", seica unha das de maior caída de Galicia con 150 metros.

martes, 19 de noviembre de 2013

NOTICIAS

RIBEIRA SACRA

A Ribeira Sacra contará con 36 rutas de sendeirismo dispoñibles durante todo o ano.
O Consorcio da Ribeira Sacra editará en breve unha guía de sendeirismo que contará cunha web propia e un pouco máis adiante tamén cunha aplicación para teléfonos móbiles.

As rutas que aparezan na guía deberán estar transitables durante todo o ano, condición indispensable para que as mesmas figuren no roteiro comentado. Ese é o compromiso dos Concellos co Consorcio para potenciar o sendeirismo como recurso turístico na zona.
Fonte: Voz de Galicia







CAUREL
Seica será a ruta de sendeirismo máis dura de Galicia. Estaremos atentos !!
Fonte: Voz de Galicia

jueves, 14 de noviembre de 2013

RUTA DO XABRIÑA (17-NOV)

RUTA ORGANIZADA POR GALICIA SENDERISMO

DOMINGO 17/11/13 AS 10:30 H. PR-G 119 Ruta do Xabriña

QUEDADA NO CONCELLO DE COVELO ... (OLLO NON COVELO DA LAMA) CHAMAR AO TELÉFONO 609531105 (SINDO) PARA APUNTARSE. CUSTE DE 15 € (xantar incluído).

COMO CHEGAR A COVELO: Dende A Coruña (174 km) e Santiago (102 km)

Toma a N-550 ou a A-9 unha vez pasada Pontevedra e chegando a Vigo tómase a saída direción a Ourense por a A-52, Saída 282 direción Covelo durante 8 km e tomar a Nacional 120 á esquerda segundo se indica e inmediatamente (50 m) á dereita direción Covelo 4 Km. Dende Vigo (48 km)

A-52 dirección Ourense durante 35 km ata a saída 282 direción Covelo durante 8 km. e tomar a Nacional 120 á esquerda segundo se indica e inmediatamente (50 m) á dereita dirección Covelo 4 km.

Dende Ourense (62 km)
Autovía A-52 dirección Vigo ata a saída 269 de A Cañiza. Continúa pola N-120 durante 17 km ata Paraños, toma o desvío á dereita alí indicado e 4 quilómetros despois chégase ao núcleo de Covelo.

TIPO DE PERCORRIDO:CIRCULAR
PUNTO DE PARTIDA:COTAREL-PARAÑOS (COVELO - PO)
PUNTO DE CHEGADA:COTAREL-PARAÑOS (COVELO - PO)
ACCESO ALTERNATIVO:A LAMOSA-CORZOS-PRADO DE CANDA
LONXITUDE:17,3 quilómetros.
TEMPO ESTIMADO:6 HORAS
DIFICULTADE:MEDIA

O percorrido total, de máis de 17 quilómetros, ten como principal protagonista o río Xabriña e o seu afluente, o río Azal. Presenta pouco desnivel xa que ascende suavemente dende Paraños, no curso medio do río, ata as altas terras da Canda.

É circular, conformada por dous grandes aneis que teñen o seu punto de encontro na fermosa ponte Folón. O primeiro anel, dende Paraños ata a ponte, ten como protagonista principal o río Xabriña, as fragas e a abondosa vexetación de ribeira. O segundo anel, que pasa polo Prado da Canda, Corzós e A Lamosa, vainos permetir coñecer camiños históricos, unha boa arquitectura rural así como a actividade dos "cereiros", actividade xa extinguida.

MENÚ "GALICIA SENDERISMO"

1º-CALLOS OU ENSALADIÑA (pódese pedir ensalada)
2º-PESCADA CON ENSALADA OU TERNEIRA ESTOFADA 
3º-SOBREMESA CASEIRA

BEBIDA, CAFÉ .. 

martes, 11 de junio de 2013

Ruta RIBEIRA SACRA DO MIÑO

Boas,

Unha nova ruta de sendeirismo está xa operativa na Ribeira Sacra e discorre pola ribeira miñota. Trátase da "Ruta da Ribeira Sacra do Miño".

Son nada máis e nada menos que 36 quilómetros que transcorren por carreiros, vías secundarias e camiños dos Concellos de Pantón e O Saviñao. O punto de partida é a Igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño (visible pasando o gran viaducto que hai entre Chantada e Escairón) e o remate está en Cima de Atán. Os máis atrevidos e en mellor forma física poden atacala nunha etapa pero pódese facer en 4 etapas de 9 quilómetros. As vistas son impresionantes e no paso pódese gozar da beleza das ladeiras de viñedos, do románico e de paraxes impresionantes como "o cabo do mundo" (meandro do río Miño no lugar coñecido como a Cova).

Detrás da creación desta ruta está a Asociación de Veciños do Saviñao a quen lle hai que agradecer o interés e esforzo desta iniciativa. Se queredes máis información sobre a ruta podedes pedirlla a eles por correo electrónico no seguinte enderezo:
asociacionvecinaldosavinao@gmail.com 

Aquí podedes ver unha opción de ruta parcial de 20 quilómetros (5 horas aproximadamente).


E finalmente unha recomendación. Podedes achegarvos ao embarcadeiro de Belesar e coñecer O Batuxo, un lugar onde poder gozar dun bo xantar e o seu correspondente dixestivo.


jueves, 14 de febrero de 2013

MARCHA NOCTURNA

Boas,
Se vos interesan as andainas nocturnas infórmovos que o 27 de abril terá lugar a 3ª marcha solidaria nocturna "Pontevedrada a Compostela".
A marcha, duns 63 quilómetros, transcorre entre Pontevedra e Santiago de Compostela polo Camiño de Santiago. A inscripción é de balde e o obxectivo do evento é concienciar á poboación sobre a importancia de doar sangue e órganos.

Para inscripcións pódese enviar un correo electrónico ao enderezo: pontevedrada@gmail.com 
O blog onde se informa da marcha solidaria: "PONTEVEDRADA"

viernes, 18 de mayo de 2012

RUTA "BOCA DO MONTE"


O domingo, día 15 de abril do 2012, houbo unha ruta de sendeirismo que descorreu por Anguieiros e a súa contorna. A iniciativa da mesma correu a cargo da Asociación de sendeirismo "Pasada das Cabras", asociación que veu dende a Mariña Lucense para coñecer montañas e aldeas do Concello de Quiroga. A Asociación Boca do Monte de Anguieiros fixo, neste caso, de anfitriona.
A ruta comezou cara as 11.30 h. no lugar coñecido como A Veiga, perto da Boca do Monte, nos Covallos. Dende alí unhas 35-40 persoas ascenderon pola pista e parte do camiño real ata Anguieiros, lugar onde se uniron outras persoas ao grupo.A partir de aquí a ruta transcorreu montaña arriba por parte do camiño real e unha pista forestal. Á altura do lugar coñecido como “Ren” uniuse un grupiño de xente que viña da Enciñeira (unhas 8 persoas) e dende alí collemos o camiño forestal do "Lourido" que rodea a montaña á beira do canón do río Bibei (fermosas vistas, incluso de Manzaneda e Pobra de Trives).


O grupo polo camiño forestal do Lourido

Vista da Pobra de Trives

Seguindo o camiño forestal indicado chegamos a un outeiro onde está a Enciñeira, unha vila veciña de Anguieiros e cabeza de parroquia. A chegada á Enciñeira foi cara as 14.00 h. Alí, despois de ver a aldea (casas rehabilitadas, Museo de maquetas de Vicente, a Igrexa e a gran aciñeira que a vixila), coméronse os bocatas no Centro Social que abriu para a ocasión.

A Enciñeira (Aciñeira e Igrexa)

O grupo no Centro Social
Despois de repoñer forzas baixouse pola estrada asfaltada e por un tramo de camiño real ata Anguieiros. Percorreuse a aldea de punta a punta e baixouse pola pista asfaltada ata o “Miradoiro de Anguieiros”. 

Vista da Boca do Monte e de Montefurado dende o miradoiro

Baixando un pouco máis chegouse ao punto de partida, na Veiga, sobre as 16.30 h. Alí esperaba o minibús para levar de volta aos excursionistas da Mariña. Iso si, aínda fixeron unha parada cultural en Bendilló para coñecer o muiño de aceite das "Farrapas", moi ben rehabilitado e onde se fai cada ano a Feira do Aceite de Quiroga.
A ruta é, pois, circular e calcúlase nuns 15 quilómetros o seu percorrido total.

Ruta vista dende o Google earth: 

FOTOS da Asociación Pasada das Cabras:

domingo, 26 de febrero de 2012

RUTA CASTRO DE MARCE-FERVENZA DE AUGACAÍDA

INFORMACIÓN TÉCNICA:
ACCESOS:  N-120, entre Monforte e Ourense. Pasando Ferreira de Pantón e á altura da Guítara collemos un desvío que nos leva á antiga N-120A. Seguimos dirección Marce (unha aldea de Pantón) e despois duns 2 km de baixada xa atopamos a sinalización de inicio da ruta.
LONXITUDE: 5 km.
PUNTO DE PARTIDA / CHEGADA: Panel informativo antes indicado (ruta ida e volta).
PERCORRIDO: Panel informativo, Castro de Marce, Fervenza de Augacaída.
DIFICULTADE: Media.
DURACIÓN: 2 horas
COORDENADAS: 42º 30' 55.01'' N/7º 42' 11.52'' W

IMOS ANDAR...

Óscar, Tamara, Marga e Xosé Manuel tiñan oído falar dunha espectacular fervenza ubicada no  Concello de Pantón. Sabían que estivo inaccesible durante moitos anos pero tamén que se recuperou o antigo camiño e se creou unha ruta para chegar ata ela. Co entusiasmo de descubrir novas paisaxes galegas decidiron non demorar máis a aventura, e unha mañá de domingo iniciaron a camiñada.
A ruta arriba indicada divídese en dous tramos: Castro de Marce e Fervenza de Augacaída (rompéronse a cabeza co nome, verdade?).
A nosa recomendación é ir primeiro ao Castro e despois á Fervenza.
Deixamos o coche onde o panel informativo. Dende alí comeza un sendeiro que transcorre polo medio dunha frondosa fraga onde abondan os carballos. Despois dunha leve baixada duns 900 metros atopamos a sinalización para ir ao castro ou á fervenza.

Nós seguimos recto, camiño do Castro de Marce. Por pouco transitado e falta de mantemento o treito ata o mesmo é un pouco dificultoso por mor da vexetación alta. Aconsellable levar pantalón longo (unha fouce tampouco estaría de máis). Unha vez alí, decatámonos que o castro está ubicado nun outeiro pendurado sobre o río Miño.
A certeza da súa remota existencia vén dada máis pola impresionante ubicación que polos restos visibles, tan só achamos un par de paredes esborralladas. As vistas son marabillosas. 
Cara a dereita enxérgase o río Miño e unha ladeira de viñas que hai na Míllara, unha aldea recuperada do seu abandono por varias familias adiñeiradas da sociedade galega. O lugar é abraiante e xa existe unha bodega que comercializa viños de alta calidade baixo o nome de Finca Míllara. 

Río Miño e Míllara
Cara a esquerda albiscamos, na lonxanía, a fervenza no seu tramo inicial de caída e a súa desembocadura no río Miño.
Vista desembocadura Augacaída no Miño
Volvemos sobre as nosas pegadas e comezamos o descenso cara a fervenza de Augacaída. No seu inicio a dificultade é media-baixa complicándose no tramo final onde atopamos bastante desnivel e penedos. Para baixar, hai unhas cordas a xeito de pasamáns (uns 40 metros aproximadamente) que fan máis doado o descenso. Este é o tramo máis complicado pero a superación do mesmo ten unha grata recompensa: o descubrimento de Augacaída, unha fervenza espectacular que ten uns 40 metros de caída. Impresionante vista dende abaixo!!
Fervenza de Augacaída
Ao fin conseguimos o noso obxectivo: dar coa Fervenza!!
Refrescamos os pés, gardamos uns minutos de silencio engaiolados polo contorno e voltamos por onde viñemos. 

Marga & Xosé Manuel

jueves, 28 de julio de 2011

CAMIÑADA ANGUIEIROS-VILANUIDE-COVALLOS-ANGUIEIROS (Guía)

A saída da camiñada foi no "portaleiro" (entrada dos Anguieiros). Alí nos reunimos entre 40 e 50 persoas. Xente de Anguieiros pero tamén de aldeas veciñas como Sesmil, Enciñeira ou Montefurado e localidades como Monforte, A Rúa, O Barco e mesmo Lugo. Pepe, un arqueólogo afeccionado, fíxonos de guía ao longo do camiño.

Atravesamos todo Anguieiros ata case o final da aldea, onde está a capela. O noso camiño comezaba realmente aquí, no lugar coñecido como "Tras da Eirexa". Seguidamente atravesamos un souto coñecido como "O Tumbeiro" que dá paso "A Curiza" e a outras zonas denominadas "O Couso" e "O Real" xa máis expostas ao sol e con vexetación máis baixa: xestas (Genista scoparia L.), carrascos (Quercus rotundifolius L.), uces (xénero Erica), xaras (Cistus ladanifer) e outros matorrais. Neste traxecto, o amigo Pepe, ensinounos a ubicación dun antigo castro e o lugar por onde pasaba a canalización de auga que tiñan para facela chegar dende o arroio. "O Arroio" é un lugar sombrío e de difícil paso en tempos de inverno e primavera pola baixada de auga da montaña, e lugar tamén onde ían en tempos lavar as tripas nas matanzas os veciños de Anguieiros.

Atravesando o arroio ascendemos ata o "Alto da Cabrita" onde as vistas son privilexiadas. Alí Pepe explicounos o pasado de Vilanuide como explotación aurífera en tempos dos romanos. Da outra ladeira, mirando para Anguieiros, de fondo poidemos ver unha panorámica de todo o val. Alí mesmo collemos o camiño que baixa atravesando unha ladeira de viñedos, coñecida como "Os Cabaleiros" e "O Rouso", que vai dar á coñecida como "Veiga do Couso".

Vista dende o Alto da Cabrita
Pola Veiga do Couso pasaba a canle (cauce) do río Sil anteriormente á época dos romanos. E despois do desvío artificial que estes fixeron coa Boca do Monte a devandita canle quedaría seca, constituíndo unha terra moi fértil creadora de grandes hortas e diferentes cultivos que convertiron Anguieiros na aldea máis rica da zona (así nolo relataron veciños de Anguieiros). Estas terras estaban constituídas por lodos do río, lodos tremendamente vizosos e limpos que non contiñan pedras, e nas augas que quedaban collíanse anguías a moreas (de aquí o topónimo que dá nome a aldea). Pero no 1934, unha gran enchenta do Sil provocou un derrubamento da montaña que atrancou parte da Boca do Monte e fixo que parte do seu caudal de auga volvese pola antiga canle anegando estas terras, outrora tan fértiles. Como din os vellos do lugar "o río levou a Veiga e foi unha gran pobreza para o pobo".

Na Veiga do Couso atopamos agora pequenas charcas e unha vexetación máis propia de ribeira como salgueiros (Salix atrocinerea L.) e amieiros (Alnus glutinosa L.). Tamén hai algunha especie acuática como a ánade real (Anas platyrhynchos L.).

Charca na Veiga do Couso
No noso paso polo camiño ascendente do "Teso" (pequeno monte comunal dos Anguieiros), nun terreo moi pizarroso, xa albiscamos máis preto a aldea de Montefurado, capital da parroquia. O topónimo de Montefurado vén pola presenza do túnel escavado polos romanos no monte para desviar a canle do río Sil e aproveitar a auga para lavar o ouro que había no interior do monte. Pepe ilustrounos sobre a pegada dos romanos nesta paraxe e de como estes sacaron ouro entre os sedimentos da montaña que quedaban tamén na antiga canle do río. Segundo el, outra hipótese da finalidade da construción do furado puido ser desviar o río para facer un paso de doado acceso sobre o Sil nunha zona de alto interés económico evitando ter que construír unha ponte. Segundo o seu parecer, a construción do túnel non foi tan complexa como se pensa.

Tras chegar á "Portaliña" (ladeira da montaña xa encarada a Anguieiros), poidemos ver unha paisaxe máis chea de viñas e oliveiras (Olea Europea L.). En fronte tiñamos xa as aldeas dos Covallos (coñecida tamén como "Poblado", poblado de Iberduero onde viviron traballadores desta empresa titular do encoro de Montefurado) e dos Anguieiros na parte media da montaña. 

Vista dende o alto do monte
No alto da Boca do Monte hai constancia da existencia dun Castelo ou torre, e segundo Pepe antes debeu haber un castro pola ubicación e algún vestixio atopado. Segundo información achegada polo estudoso da zona, Alberto Sánchez, hai certeza de que houbo un castelo na cima da montaña (Boca do Monte) coñecida daquela como "Pena do Corvo".

Montefurado e "Alto do Corvo"
Visto o lugar coñecido entre os veciños de Anguieiros como "O Castillo", descendemos pola estrada pavimentada camiño dos Covallos e achegámonos a ver a "Boca do Monte" dende o outro lado da montaña. Aquí apreciamos como se derrubou no 1934 parte do teito do túnel que, sendo duns 120 metros de longo, pasou a ter tan só uns 50 metros. Isto, como xa dixemos, tivo unha gran trascendencia negativa para a zona xa que asolagou todas as terras fértiles da Veiga.
Todo apunta a que comezaron as obras de retirada do entullo (desescombro) en marzo de 1935 pero un forte temporal de auga fixo moi perigosa a tarefa, polo que ata maio non se comezou o traballo. Pero estalou a guerra e o río non volveu circular pola boca ata ben entrado o 1941.


A Boca do Monte
Tras esta pausa diante do monumental paraxe (imaxe superior, xentileza de Logio), retomamos a estrada asfaltada cara o poboado dos Covallos cruzando a ponte con barandas de ferro que hai para salvar unha charca que queda na antiga canle do río Sil. Os Covallos, como dixen antes, é un poboado que foi construído por Iberduero no seu día para ofrecer vivendas aos traballadores do encoro de Montefurado. Cómpre dicir que se edificou en terras dos Anguieiros, a quen llas mercaron no seu día para tal fin. Contan que daquela había soutos e terras de labranza.

Despois de ver os Covallos ascendemos ata Anguieiros polo coñecido como "Camiño Real" (un pequeno tramo está asfaltado pois forma parte da actual pista pola que se accede en coche ás aldeas do lugar). No percorrido atopamos concheiros, oliveiras e terras de labranza que se regaban coa auga da fonte de Anguieiros, lugar onde rematamos a camiñada.


Organizou: Asociación Sociocultural Boca do Monte
Colaboraron: Pepe (José Fdez Pérez) e Alberto Sánchez