INFORMACIÓN TÉCNICA:
ACCESOS: N-120, entre Monforte e Ourense. Pasando Ferreira de Pantón e á altura da Guítara collemos un desvío que nos leva á antiga N-120A. Seguimos dirección Marce (unha aldea de Pantón) e despois duns 2 km de baixada xa atopamos a sinalización de inicio da ruta.
LONXITUDE: 5 km.
PUNTO DE PARTIDA / CHEGADA: Panel informativo antes indicado (ruta ida e volta).
PERCORRIDO: Panel informativo, Castro de Marce, Fervenza de Augacaída.
DIFICULTADE: Media.
DURACIÓN: 2 horas
COORDENADAS: 42º 30' 55.01'' N/7º 42' 11.52'' W
IMOS ANDAR...
Óscar, Tamara, Marga e Xosé Manuel tiñan oído falar dunha espectacular fervenza ubicada no Concello de Pantón. Sabían que estivo inaccesible durante moitos anos pero tamén que se recuperou o antigo camiño e se creou unha ruta para chegar ata ela. Co entusiasmo de descubrir novas paisaxes galegas decidiron non demorar máis a aventura, e unha mañá de domingo iniciaron a camiñada.
A ruta arriba indicada divídese en dous tramos: Castro de Marce e Fervenza de Augacaída (rompéronse a cabeza co nome, verdade?).
A nosa recomendación é ir primeiro ao Castro e despois á Fervenza.
Deixamos o coche onde o panel informativo. Dende alí comeza un sendeiro que transcorre polo medio dunha frondosa fraga onde abondan os carballos. Despois dunha leve baixada duns 900 metros atopamos a sinalización para ir ao castro ou á fervenza.
Nós seguimos recto, camiño do Castro de Marce. Por pouco transitado e falta de mantemento o treito ata o mesmo é un pouco dificultoso por mor da vexetación alta. Aconsellable levar pantalón longo (unha fouce tampouco estaría de máis). Unha vez alí, decatámonos que o castro está ubicado nun outeiro pendurado sobre o río Miño.
A certeza da súa remota existencia vén dada máis pola impresionante ubicación que polos restos visibles, tan só achamos un par de paredes esborralladas. As vistas son marabillosas.
Cara a dereita enxérgase o río Miño e unha ladeira de viñas que hai na Míllara, unha aldea recuperada do seu abandono por varias familias adiñeiradas da sociedade galega. O lugar é abraiante e xa existe unha bodega que comercializa viños de alta calidade baixo o nome de Finca Míllara.
Cara a esquerda albiscamos, na lonxanía, a fervenza no seu tramo inicial de caída e a súa desembocadura no río Miño.
Vista desembocadura Augacaída no Miño |
Volvemos sobre as nosas pegadas e comezamos o descenso cara a fervenza de Augacaída. No seu inicio a dificultade é media-baixa complicándose no tramo final onde atopamos bastante desnivel e penedos. Para baixar, hai unhas cordas a xeito de pasamáns (uns 40 metros aproximadamente) que fan máis doado o descenso. Este é o tramo máis complicado pero a superación do mesmo ten unha grata recompensa: o descubrimento de Augacaída, unha fervenza espectacular que ten uns 40 metros de caída. Impresionante vista dende abaixo!!
Fervenza de Augacaída |
Ao fin conseguimos o noso obxectivo: dar coa Fervenza!!
Refrescamos os pés, gardamos uns minutos de silencio engaiolados polo contorno e voltamos por onde viñemos.
Marga & Xosé Manuel
esta wapa hay k facela un dia asi ensinasma
ResponderEliminarJ.B "DRAGON" ENCIÑEIRA
Un lugar abraiante e máxico.
ResponderEliminarGrazas por aquela fin de semana, pasámolo moi ben.
Tamara.