O domingo, día 15 de abril do 2012, houbo unha ruta de sendeirismo que descorreu por Anguieiros e a súa contorna. A iniciativa da mesma correu a cargo da Asociación de sendeirismo "Pasada das Cabras", asociación que veu dende a Mariña Lucense para coñecer montañas e aldeas do Concello de Quiroga. A Asociación Boca do Monte de Anguieiros fixo, neste caso, de anfitriona.
A ruta comezou cara as 11.30 h. no lugar coñecido como A Veiga, perto da Boca do Monte, nos Covallos. Dende alí unhas 35-40 persoas ascenderon pola pista e parte do camiño real ata Anguieiros, lugar onde se uniron outras persoas ao grupo.A partir de aquí a ruta transcorreu montaña arriba por parte do camiño real e unha pista forestal. Á altura do lugar coñecido como “Ren” uniuse un grupiño de xente que viña da Enciñeira (unhas 8 persoas) e dende alí collemos o camiño forestal do "Lourido" que rodea a montaña á beira do canón do río Bibei (fermosas vistas, incluso de Manzaneda e Pobra de Trives).
O grupo polo camiño forestal do Lourido |
Vista da Pobra de Trives |
Seguindo o camiño forestal indicado chegamos a un outeiro onde está a Enciñeira, unha vila veciña de Anguieiros e cabeza de parroquia. A chegada á Enciñeira foi cara as 14.00 h. Alí, despois de ver a aldea (casas rehabilitadas, Museo de maquetas de Vicente, a Igrexa e a gran aciñeira que a vixila), coméronse os bocatas no Centro Social que abriu para a ocasión.
A Enciñeira (Aciñeira e Igrexa) |
O grupo no Centro Social |
Vista da Boca do Monte e de Montefurado dende o miradoiro |
Baixando un pouco máis chegouse ao punto de partida, na Veiga, sobre as 16.30 h. Alí esperaba o minibús para levar de volta aos excursionistas da Mariña. Iso si, aínda fixeron unha parada cultural en Bendilló para coñecer o muiño de aceite das "Farrapas", moi ben rehabilitado e onde se fai cada ano a Feira do Aceite de Quiroga.
A ruta é, pois, circular e calcúlase nuns 15 quilómetros o seu percorrido total.
Ruta vista dende o Google earth:
FOTOS da Asociación Pasada das Cabras:
A RUTA ME GUSTA CANDO ESTOU NAS ENCIÑEIRAS FAGOA NA BICI A VECES NA MOTO E APE TAMEN
ResponderEliminar