Velaquí unha ponte con encanto: a Ponte Medieval de Barxa.
Está ubicada no Concello de Pobra do Brollón xa case no límite co Concello de Quiroga. Vindo da N-120 de Quiroga a Monforte hai que desviarse á dereita en Paradela de Lor, altura aproximada onde comeza o Concello de Pobra de Brollón. Deixamos a N-120 virando á dereita para despois xirar á esquerda e á dereita pasando por diante do Mesón do Lor. Seguimos esa estrada ata estar xusto debaixo dun gran viaducto e nese punto viramos á dereita dirección Barxa. Dende aí xa é preferible deixar o coche e ir andando uns 500 metros ata chegar a esta fermosa paraxe. A Ponte medieval de Barxa é paso obrigado no Camiño de Santiago de inverno, está en moi bo estado de conservación e resulta visita obrigada para calquera paseante ou turista que se achegue por estas terras. Dende Pobra de Brollón hai tamén unha moi boa ruta de sendeirismo que pasa por aquí e que paga ben a pena facer nalgunha ocasión. Velaquí un blog que fala dela: Roteiros Galegos
Todo moi fermoso e moi idílico ata que IBERDROLA puxo hai uns anos un caseto xusto diante. E como a "cafrada" era pequena aínda a pintaron de branco para que se camuflase mellor. Unha vez máis o "feísmo galego" presente nas nosas vidas... A Asociación Lugo Patrimonio denunciou no seu día o acontecido pero aínda non temos noticias ao respecto. A caseta segue quitándolle protagonismo á Ponte de Barxa e afeando a paisaxe.
No hay comentarios:
Publicar un comentario