jueves, 22 de agosto de 2013

DÚAS MARABILLAS NA COSTA DA MORTE

O mes de xullo, pasando uns días na Costa da Morte, descubrín dúas xoias patrimoniais que para min deberían ser de obrigada visita nesta zona.

Unha delas é o Castro de Borneiro, tamén coñecido como A Cidá. Aínda que está agochado entre carballos é de doado acceso e ten unha chea de construccións excavadas que permiten apreciar a dimensión deste asentamento castrexo. A última excavación data dos anos 80 e o estado actual de conservación é máis que óptimo. 
Pertence ao Concello de Cabana de Bergantiños, na parroquia de Borneiro, e está moi ben sinalizado. 

Castro de Borneiro
A outra marabilla que descubrín foi o Dolmen de Dombate. Escoitara falar del moitas veces pero nunca estivera tan perto como agora. Non había escusa para achegarse. A primeira sorpresa foi ver que está cuberto e comprobar que recibe moitísimas visitas sendo unha das referencias deste tipo de construccións en Galiza. De feito é considerado o monumento máis senlleiro da Costa da Morte. As visitas son por grupos e guiadas, e unha vez dentro do recinto pódese observar a magnitude do achádego. Os restos desta construcción mortuoria prehistórica impresionan, o primeiro que te imaxinas é a maña e astucia que tiñan para colocar esas xigantes chantas no chan (chantas de case dous metros) para posteriormente ser enterradas servindo así de tumba.

A carón do dolmen de referencia hai outro máis pequeno, seica este segundo estaba completamente enterrado cando se descubriu (o de Dombate estaba parcialmente desenterrado que é o máis normal nestes casos). Está moi perto do Castro anterior. Pasando a parroquia de Borneiro hai que coller a estrada que vai a Baio e despois seguir as indicacións. Non hai perda.

Dolmen de Dombate
Xa sabedes, non deixedes de visitar estas dúas xoias da Costa da Morte, territorio que destaca, entre outras moitas cousas, polo patrimonio megalítico que nel se pode atopar.

No hay comentarios:

Publicar un comentario