Aldea con norte e sur |
XV Festa da Pisa da Castaña
O narrador Celso Fernández Sanmartín
será o pregoeiro desta edición e, como novidade, haberá un concurso de pisado por parellas.
A localidade de Froxán, no corazón do Courel e declarada ben de interese
cultural dende o 2006, acollerá o 7 de decembro a decimoquinta edición da Festa da Pisa da Castaña de Froxán.
Esta exhibición etnográfica e gastronómica
promovida pola Asociación Fonte do Milagro é a primeira de Galicia que
se organizou para recrear o sistema tradicional de conservación de castañas e
atrae a numerosos visitantes de Galicia e de fóra aproveitando a ponte da
constitución.
A pisa consiste en golpear repetidamente con forza e coordinación un saco
pouco cheo de castañas contra un tallo grande de madeira co fin de quitarlle as
cáscaras. As castañas que se pisan
pasaron antes polo proceso de secado ao calor e ao fume nos coñecidos sequeiros
durante uns quince días e o traballo de “pisado” debe facerse entre dúas
persoas. Rematada esta operación hai que baleirar o contido do saco nun bandoxo
(bandexa de madeira aberta por un lado e con dúas asas) onde se sacudirá todo ao
aire con moita mestría para separar a castaña xa pelada da cáscara. Daquela, a
castaña seca estará lista para consumir ou para gardar na despensa.
PROGRAMA
12:00 Posta en funcionamento do sequeiro e explicación do proceso de secado
da castaña.
12:30 Demostración de “pisado” e “abandoxado” a cargo de membros da
Asociación Fonte do Milagro.
13:30 Pregón a cargo do coñecido narrador Celso Fernández Sanmartín.
14:00 Presentación do libro: “Oro en
la Galicia interior, minería romana”
editado por GARHERVE.
14:15 Degustación do “Xantar do Pisador” (castaña seca cocida, chourizo,
panceta cocida e sobremesa de castaña). O prezo é de 10 € e inclúe o sorteo
dunha cesta de Nadal entre os que participen no xantar.
16:00 Retomarase o pisado e abandoxado no que como novidade este ano
poderán participar as persoas que o desexen. Trátase dun concurso de pisadores
por parellas. Un xurado de expertos na Pisa decidirá cal será a parella
gañadora.
Durante toda a xornada haberá actuacións de música tradicional e postos de
venda de produtos típicos da zona e de artesanía.
Dous espontáneos "pisando" as castañas |
Un pracer como sempre asistir a esta celebración tan senlleira.
ResponderEliminar