Esta cita anual terá lugar en “As Farrapas”, na parroquia de Bedilló, no muíño restaurado desa aldea
de Quiroga. Aquí, os visitantes
poderán contemplar este proceso a través dalgunha moenda completa que se fará
na xornada festiva deste domingo 18
e na que se empregarán os elementos e os procedementos que se utilizaban
outrora.
O Val de Quiroga é unha das poucas zonas de Galicia onde se mantivo o
cultivo de oliveiras e a elaboración tradicional do aceite. A tradición do val
que forma o río Sil entre Quiroga e Ribas de Sil remóntase a varios séculos
atrás, probablemente á época romana. Se eles comezaron coa elaboración deste
ouro líquido, as xeracións posteriores mantiveron esa dedicación case sempre
coa finalidade de ter aceite para autoconsumo, aceite que elaboraban en cada
aldea de forma artesanal. Co despoboamento do rural perdeuse xente que
mantivese o coidado das oliveiras e moitas foron quedando abandonadas, pero a
día de hoxe estase invertindo o proceso. Atopamos xa algunha empresa e moitos
particulares que están apostando de novo por recuperar os cultivos e
comercializar este prezado produto. De feito, para contribuír a esa
recuperación e revalorización a Universidade de Vigo está estudando as
características deste aceite singular pola súa orixe 100 % galega.
Así, pois, non é de estrañar que o Concello de Quiroga celebre dende o ano
2.000 esta mostra, recoñecida tamén como “Festa de interese turístico”, que
ofrece a posibilidade de coñecer o proceso de elaboración artesanal do aceite e
de mercalo a algún dos colleiteiros que presentan a súa colleita. Ademais dos
postos de colleiteiros de aceite da zona, na mostra non faltarán outros
produtos tradicionais do lugar como a castaña, o viño, o mel ou os licores
caseiros. E tamén haberá lugar para a música e a danza tradicionais, unha cata
de aceites participantes e degustación de polbo e carne á brasa nalgúns dos
postos gastronómicos que darán servizo aos visitantes.
No hay comentarios:
Publicar un comentario